Friday 17 de May de 2024

A Xunta avoga por aumentar a presenza das mulleres rurais nos órganos de decisión das cooperativas agrarias


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración da xornada “Atrévete contigo mesma”, que organiza AGACA en Lugo

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración da xornada “Atrévete contigo mesma”, que organiza a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, AGACA, co obxectivo de animar ás mulleres vinculadas a cooperativas a que participen nos órganos de decisión destas.

López Abella destacou que as emprendedoras rurais son exemplo de innovación e creatividade, “á vez que son motor da economía rural”. Por iso, expresou a necesidade de promover novos avances na corresponsabilidade social e apoiar a capacidade das mulleres para ocupar postos de decisión.

Con ese obxectivo, dixo, hai que impulsar a incorporación de plans ou medidas de igualdade nas institucións, organismos, empresas, cooperativas, organizacións profesionais e grupos de acción local. “Hai que apoiar as mulleres que emprenden a aventura de crear riqueza, favorecer o seu acceso a sectores economicamente viables e ofrecer formación específica para novas formas de traballo e comunicación”.

Na mesma liña, a titular de Igualdade da Xunta manifestou a necesidade de incentivar a incorporación das mulleres aos órganos de decisión do sector agroalimentario e de desenvolvemento rural, para avanzar nunha maior presenza institucional destas nos ámbitos de decisión do medio rural.

Os datos reflicten que a presenza das mulleres segue sendo moi escasa nos postos de responsabilidade no sector cooperativo: a penas un 4,7 por cento nos consellos reitores e un 16 en postos de dirección. Polo tanto, é necesario cambiar esta dinámica e que alcancen a representatividade que equitativamente lles correspondería.

“É necesario que a organizacións agrarias, as cooperativas e os grupos de desenvolvemento rural conten cunha presenza feminina en órganos directivos acordes coa realidade das mulleres rurais”, concluíu López Abella.